Friday 29 de March de 2024

Avanzan a bo ritmo as obras de reforzo do firme na estrada Portobravo-Tállara


As obras, froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Lousame e a Consellería de Infraestruturas, supoñen un investimento de máis de 380.000 euros

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, amosa a súa satisfacción pola boa marcha das obras de reforzo do firme na estrada Portobravo-Tállara, iniciadas a pasada semana. Unhas obras, froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Lousame e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, que están sendo executadas pola empresa Farido SL e que supoñen un investimento de 381.148,67 euros.

As obras consisten na adaptación do firme dos 2.230 metros de lonxitude do viario ás características do tráfico que soporta realmente, así como o saneo dos treitos que se atopan máis deteriorados. Así, durante a semana pasada estendeuse unha capa de mestura asfáltica con aglomerado en quente de 6 centímetros de espesor entre a recta de Portobravo e o cruce coa DP-1104, no desvío a Berrimes. Para o resto da estrada, entre Marracín e Tállara, dispúxose unha capa de regularización de 3 centímetros de espesor medio. Deste xeito, a capa de rodadura do viario entre Portobravo e Tállara estará composta por 5 centímetros de aglomerado unha vez rematen os traballos.

Villaverde salienta que “ademais do asfaltado, estase procedendo ao saneo das zonas máis deterioradas do viario mediante un fresado previo e a extensión do dobre do mesmo asfaltado”. Neste momento, só resta o asfaltado da recta de acceso a Portobravo, así como a adaptación á nova rasante dos pozos de rexistro e arquetas existentes. Unha vez realizados este traballos, procederase á reposición das marcas viarias e á instalación de bandas sonoras para a redución da velocidade. A alcaldesa de Lousame salienta que estamos “ante unha obra de mellora importante para unha das estradas máis empregadas do municipio e coa que a Consellería de Infraestruturas volve demostrar unha vez máis o seu compromiso con Lousame”.

Antecedentes

En outubro de 2009 elabórase, a petición do Concello de Lousame, unha valoración de alternativas para a construción dun novo viario entre os lugares de Portobravo e Tállara, a través do aproveitamento parcial dos viarios municipais existentes. Neste estudo establécese que o pavimento necesario para esta nova vía corresponderíase cunha categoría de tráfico pesado T31, formado por 40 centímetros de zahorra e 16 centímetros de mesturas bituminosas. Para estas condicións, as alternativas de trazado analizadas supoñían un investimento próximo ós 2 millos de euros.

En novembro do ano 2009, o Concello de Lousame e a Consellería de Medioambiente, Territorio e Infraestruturas asina un convenio de colaboración do que se derivan dous proxectos construtivos por un importe total de 878.154,09 euros. A capacidade orzamentaria das Administración naquel momento non permitiu acadar o investimento inicialmente estimado, polo que foi preciso adaptar o firme proposto reducindo a sección, o espesor da capa bituminosa e estendendo unha única capa de aglomerado de 5 centímetros de espesor. Con estas premisas, as obras executáronse ao longo dos anos 2010 e 2011.

Na actualidade o firme atopábase moi deteriorado por mor do elevado tráfico que soporta este viario. Por iso, con data de xaneiro de 2019, o Concello de Lousame e a Axencia Galega de Infraestruturas asinan un novo convenio de colaboración para dotar de capa de rodadura á vía e así aumentar a capacidade portante do firme ata acadar os criterios inicialmente contemplados.